Telefónica participará no demostrador europeo de drons previsto en Santiago para o día 28

venres, 23 de setembro do 2022 S. P.

Telefónica confirmou a súa participación nas demostracións de voo e control de tráfico aéreo de drons do AMU-LED que se van celebrar o vindeiro 28 de setembro na Cidade da Cultura de Santiago. AMU-LED é un proxecto de H2020 no que están involucradas empresas e institucións de Estados Unidos e Europa, e cuxo obxectivo final é “desenvolver técnica e normativamente a coordinación de múltiples operacións de drons en contornas urbanas para garantir a súa seguridade”. A demostración, como sinalamos recentemente dende Código Cero, será coordinada polo Instituto Tecnolóxico de Galicia, o ITG.
Telefónica participará en dúas das operacións de voo que se levarán a cabo ese día ante os medios de comunicación, proporcionando conectividade 5G aos vehículos aéreos non tripulados que participan nelas. A través da tecnoloxía 5G de Telefónica, aproveitando a súa baixa latencia (é dicir, retardo), transmitirase desde os drons vídeos de alta resolución que serán analizados con Intelixencia Artificial en tempo real para detectar de forma automática diferentes elementos da cidade como edificios, coches e persoas en labores de inspección. Asemade, usarase a 5G para transmitir datos de telemetría do dron, reportando en tempo real a súa posición, velocidade, estado, etc. Toda esta información será integrada dentro da plataforma U-Space, para permitir a coordinación co resto de operacións con drons que se estean realizando ao mesmo tempo sobre o ceo de Santiago.
Ademais de garantir todo este fluxo de información desde os vehículos aéreos, realizaranse tamén probas de localización baseadas na rede 5G de Telefónica, que explica que este posicionamento vía 5G é independente do posicionamento vía GPS do dron, e serve como axente corroborador das coordenadas transmitidas por este. “Así”, engade Telefónica, “a 5G utilizarase nestes casos como ferramenta de verificación ante potenciais hackeos do sinal de GPS ou en situacións de emerxencia nas que non se poida dispor deste posicionamento”.
AMU-LED é unha iniciativa que comprende unha das maiores demostracións de servizos de mobilidade con vehículos aéreos en contornas urbanas. Estas demostracións xa se realizaron en Cranfield (Reino Unido), Amsterdam e Róterdan (Países Baixos). Santiago de Compostela será a única cidade española que a acollerá. Coordinada polo ITG, intervirán aeronaves tripuladas e non tripuladas, que realizarán máis de 30 operacións, tanto reais como simuladas, nun total de 11 vertiportos repartidos entre a Cidade da Cultura, o Aeroporto Rosalía de Castro (Lavacolla), o campo de fútbol da Universidade de Santiago e a base do helicóptero do 061 no Hospital de Conxo.

PUBLICIDADE