Telefónica pon a disposición de Navantia unha plataforma dixital para o deseño e construción dos buques de armada

martes, 14 de xullo do 2020 Sonia Pena

Telefónica vén de chegar a un acordo tecnolóxico con Navantia que iría destinado a facilitar e optimizar a construción naval. En concreto, a través desta alianza poríanse a disposición de Navantia unha innovadora plataforma dixital coas últimas tecnoloxías no deseño, construción e apoio ao ciclo de vida dos buques da Armada. O obxectivo é contribuír no plan de transformación dixital de Navantia. Como lembraremos, unha das catro sedes estatais de Navantia está en Ferrol, onde se emprazan as divisións para a construción naval, a posta a punto de buques, o apoio ao ciclo de vida, as seccións de propulsión e xeración e máis a división eólica.
A respecto deste acordo, Adrián García Nevado, director de Empresas de Telefónica, sinalou que a experiencia de Telefónica como operadora dixital será posta a disposición de Navantia a través “dos nosos servizos de nube privada virtual e redes de comunicacións”. Todo iso, dixo, “proporcionará infraestruturas e servizos profesionais á navieira para incrementar as súas capacidades dixitais”.
A adxudicación do proxecto, por un valor de 5,2 millóns de euros que se poden ampliar a 14 millóns, implica o uso de tecnoloxías como virtualización de servidores e aplicacións, recuperación da información ante desastres e a certificación da plataforma ante organismos oficiais.
Segundo informou a operadora, grazas a esta alianza Navantia poderá “ter todas as ferramentas de dixitalización no proceso de vida dos buques, desde o seu deseño cun software avanzado, pasando pola construción até completar o apoio ao ciclo de vida coa creación dun xemelgo dixital”. Tamén fixo saber que a infraestrutura da plataforma estará aloxada nos centros de datos de TecnoAlcalá e Julián Camarillo que “cumpren coas máis estritas certificacións de seguridade”.

PUBLICIDADE