Telefónica quere cubrir con fibra óptica, para 2025, a totalidade de España

xoves, 30 de xullo do 2020 S. P.

Telefónica anunciou este 30 de xullo un ambicioso plan para dotar de fibra a totalidade do territorio estatal e situarse como “líder” en fornecemento ás familias e empresas de tecnoloxía 5G. Estas e outras medidas estratéxicas figuran na súa proposta para un Pacto Dixital, que xorde co obxectivo de ser “a folla de ruta para a dixitalización das pemes, os autónomos e as administracións públicas”. Tamén se dirixe a romper as desigualdades do mundo dixital, a fomentar o acceso á conectividade de nova xeración e a protexer os dereitos humanos fronte ás ameazas tecnolóxicas.
En termos concretos de despregues tecnolóxicos, Telefónica comprométese nesta proposta a “facer o maior dos seus esforzos para impulsar a dixitalización completa de España”, o que se traducirá, como dixemos, no compromiso de cubrir con fibra óptica, en 2025, o cento por cento do territorio estatal, e en converterse en “líder na implantación da tecnoloxía 5G”.
Con este Pacto Dixital, Telefónica lanza a seguinte mensaxe: “Non abonda con adaptarse ao cambio, senón que hai que anticiparse e liderar esta profunda transformación”.

PUBLICIDADE