Televés permite aforros do 80% coas súas tecnoloxías de alumeado profesional LED

martes, 24 de maio do 2022 S. P.

Televés vén de facer balance das súas máis innovadoras solucións nun ámbito de traballo no que a compañía galega é xa un referente, amais de no eido das telecomunicacións: o ámbito da enerxía e o alumeado sustentábel e intelixente. As súas solucións neste eido teñen o nexo común de axudar ás empresas, ás administracións e á cidadanía en xeral a consumir recursos dun xeito máis respectuoso co medio ambiente ao tempo que reducen o gasto. Estes aforros poden chegar ao 80%.
Segundo explican fontes de Televés, “o consumo enerxético dos concellos sempre foi un dos apartados que máis parte dos seus orzamentos acaparaba; algo que non fixo senón agravarse ao longo dos últimos doce meses e que puxo nunha situación máis que comprometida a algúns concellos, motivando que algunhas administracións locais tivesen que modificar os seus orzamentos prevendo que se cumprisen os peores presaxios para o prezo da electricidade de face a 2022”.
Co obxectivo de evitar este tipo de situacións, e en “aras de reducir a porción dos seus orzamentos adicada ao consumo eléctrico”, Televés fornece aos concellos de recursos tecnolóxicos para actualizar a iluminación pública, poñendo en xogo medidas “eficaces e de rápido retorno”. A compañía de Santiago salienta casos de éxito tan sobranceiros como o da localidade de Armilla (Granada), onde unha actualización da instalación de iluminación na súa Cidade Deportiva pola tecnoloxía de iluminación LED profesional de Televés incrementou a calidade da visibilidade e mellorou os cocientes de eficiencia enerxética até o punto de reducir o seu consumo enerxético nun 60%. “Este aforro”, engaden fontes da compañía galega, “non é só froito do bo facer da citada tecnoloxía LED, senón tamén do precario estado das infraestruturas de moitos municipios, equipados con luminarias e lámpadas completamente obsoletas, ou mal planificadas”.
Televés pon o foco deste xeito nalgunha das principais vantaxes da dita tecnoloxía de luminarias: non só consumen menos enerxía que calquera tecnoloxía anterior, senón que esta redución do gasto tamén permite ao Concello reducir a potencia contratada; “o que xera un aforro extra”. A isto engádese a maior vida útil e a mellor fabricación, que eliminan custos de mantemento e reposición.
Nesta liña de traballo, Televés fai saber que a súa gama de luminarias LED profesionais para interiores e exteriores aseguran aforros próximos ao 80 % da factura eléctrica, ao que se engade, nas súas palabras, “o selo de fabricación dunha empresa que leva anos sendo referencia de todos os sectores nos que entrou”. Esta excelencia na fabricación, sinala, “garante instalacións completamente seguras e sustentábeis”.

PUBLICIDADE