Televés presenta no MedPi de Mónaco a súa tecnoloxía CareLife

martes, 29 de marzo do 2016 Redacción

A compañía galega Televés vai participar no salón MedPi de Mónaco, edición 2016 (do 17 ao 20 de maio), amosando a súa proposta TIC para o sector da eSaúde, ou sexa para a atención a doentes e dependentes pola vía das novas tecnoloxías. Falamos de CareLife, un recurso smart que segundo informa Televeś, “fornece un punto de atención integral e personalizábel no fogar para cubrir as necesidades e evolución de cada usuario”. No foro MedPi, que se desenvolve no Grimaldi Fórum de Mónaco, Televés contará con expositor tecnolóxico de seu.
Segundo engade a empresa con sede en Santiago, CareLife ten por obxectivo o coidado e a mellora da calidade de vida dos maiores e das persoas dependentes, “dende a perspectiva do impulso do envellecemento activo e saudábel”. O seu deseño está baseado nas novas tendencias Ambient Assisted Living (AAL). Isto quere dicir que se trata dunha tecnoloxía non intrusiva e perfectamente adaptábel a cada contorna e que, mediante sensores sen fíos, analiza de forma autónoma a rutina dunha persoa para obter datos e establecer perfís e hábitos de vida que se converten en claves para o seu coidado e seguridade. E todo, explica Sara Rodríguez, responsábel de Desenvolvemento de Negocio de Fogar Dixital de Televés, “preservando a intimidade e fomentando a confianza”.
Como dixemos, esta solución forma parte da liña de negocio da compañía galega orientada ao desenvolvemento de solucións de telecomunicacións no ámbito do edificio e o fogar dixital. Carelife, engaden fontes da empresa, pon a tecnoloxía máis avanzada ao servizo do coidado das persoas, “constituíndo un fito na estratexia de diversificación da compañía, que se aliña coa Axenda Dixital Europea e o programa marco de investigación e innovación da Unión Europea Horizonte 2020”.
Polo que respecta ao salón MedPi de Mónaco, está considerado un dos eventos máis importantes ligados á informática e ao sector das novas tecnoloxías en Europea. Nel dánse cita boa parte dos máis sobranceiros representantes profesionais e empresariais do ámbito das TIC (información, multimedia e telecomunicacións), amosando as máis salientábeis novidades e avances e brindando unha boa oportunidade para informarnos do estado de saúde da tecnoloxía actual en hardware, software, mobilidade e produtos multimedia.

PUBLICIDADE