Teo convoca un obradoiro de emprego sobre novas tecnoloxías

xoves, 1 de xullo do 2021 Pedro Pérez

O Concello de Teo vén de anunciar que realizará o proxecto do Obradoiro de Emprego de garantía xuvenil EmprégateApp, que formará en novas ferramentas e aplicacións a 16 alumnos e traballarán a partir do 19 de xullo, data de inicio do curso. A iniciativa vén da man do Concello de Teo, promotor, e a colaboración de Boqueixón e Vedra.
O obxectivo deste obradoiro é formar aos participantes na creación de aplicacións para dispositivos móbiles, orientadas tanto á promoción turística das zonas de actuación como á información e comunicación dirixida ás persoas usuarias. O programa está enfocada a persoas mozas, maiores de 16 anos e menores de 30. As persoas interesadas en acudir deberán cumprir unha serie de requisitos que se atopan na páxina do Concello de Teo.
O alumnado obterá, en caso de superar a formación e a práctica, o certificado de profesionalidade de Programación con linguaxes orientados a obxectos e bases de datos relacionais. Coa obtención do certificado de profesionalidade o alumnado poderá traballar como técnico en data mining e como programador de aplicación de xestión. María López, concelleira de Desenvolvemento Local, destaca “o interese deste investimento tan potente para un sector da poboación cun problema de desemprego xuvenil moi importante”.

PUBLICIDADE