Teremos Brain Training para Nintendo Switch en xaneiro

venres, 11 de outubro do 2019 Marcus Fernández

O mes pasado confirmouse que no Xapón terían unha nova entrega de Brain Training o 27 de decembro, e hoxe anunciouse que en España non teremos que agardar unha chea de meses para ver este xogo como acontecían nas anteriores edicións, e Brain Training del Dr. Kawashima para Nintendo Switch chegará ás nosas tendas o 3 de xaneiro, a tempo para a noite de Reis.
A edición física do xogo incluirá un lapis táctil para poder gozar dos exercicios das entregas anteriores de Brain Training, deseñados para a Nintendo DS e 3DS, pero tamén será consciente da plataforma na que se lanza, polo que contará con exercicios novos dos que varios farán uso da cámara infravermella de movemento do mando Joy-Con dereito.
Entre os desafíos do novo xogo teremos cálculo dactilar (resolvendo problemas de matemáticas a grande velocidade), composición (combinación de letras para formar palabras), memoria fotográfica (haberá que lembrar fotografías amosadas con anterioridade), dobre tarefa (saltar obstáculos mentres se elixe o número máis alto) e incluso xogar ao clásico pedra, papel e tesoiras. Tamén permitirá pasar un mando Joy-Con a un familiar ou amigo par poder gozar en compañía de exercicios como o contapaxaros (contar o número de paxaros máis rápido que o rival) e o contacaixas (procurando lembrar o número de caixas que se amosan na pantalla).

O contacaixas é un dos retos competitivos que ofrecerá o Brain Training para Nintendo Switch

Tráiler de presentación do Brain Training para Switch

PUBLICIDADE