Tetris Effect: Connected faise compatible coa realidade virtual

xoves, 24 de decembro do 2020 Marcus Fernández

Hai un par de anos Enhance Games sorprendeu cun xogo para PlayStation 4 inspirado no efecto Tetris, que un ano despois chegaría tamén a ordenadores persoais, podendo gozar ambas versión dunha experiencia moi inmersiva e hipnótica ao ser compatibles con PlayStation VR en P$4 e con cascos de realidade virtual Oculus e HTC Vive nas versións para PC.
Pero este xogo continuou a medrar, de aí que chegou logo Tetris Effect: Connected, que incorporaba novos modos de xogo cooperativos e competitivos para poder gozar de opcións multixogador en liña e en local, sendo esta nova versión exclusiva de Xbox Series X, Xbox One e Windows 10 até o vindeiro verán. Esta versión carecía de soporte para realidade virtual, de xeito que os usuarios de PC tiñan que elixir se querían a versión ordinaria con VR ou a versión multixogador en 2D, até agora, que coa actualización 1.1.0 incorporou soporte para Oculus e HTC Vive.
Resulta bastante curioso ver como un xogo clásico como o Tetris encaixa dun xeito tan atinado na realidade virtual, o que non afecta ás súas mecánicas, pero si ás sensacións que transmite, o que pode dar a entender que os contornos de realidade virtual teñen un grande potencial para acoller experiencias máis tradicionais dun xeito atractivo.

Os modos multixogador de Tetris Effect están dispoñibles para Xbox e PC, e no verán chegarán tamén a PS4 e Oculus Quest.

PUBLICIDADE