Thanko incorpora ao seu catálogo unha gravata espía

luns, 27 de abril do 2009 Marcus Fernández

Protexer a nosa intimidade é cada día máis difícil, especialmente pola xeneralización dos móbiles con cámara, e a xente de Thanko quere facer aínda máis doada a espionaxe, e venden por 12.800 iens (100,74 euros) unha gravata que inclúe no seu interior unha cámara de vídeo capaz de captar 4 horas de vídeo a 352x288 píxeles na súa memoria interna de 4 Gb (á que podemos acceder conectando este invento ao ordenador a través de USB).

A cámara está bastante ben agochada na gravata de Thanko

A gravata tamén inclúe un pequeno interruptor sen fíos para iniciar as gravacións de vídeo, aínda que por sorte só ten un único deseño, polo que será relativamente doada de identificar pese a que camufle bastante ben o burato polo que asoma a lente desta cámara en miniatura.
Cómpre destacar que os vídeos gravados dende a gravata non só teñen pouca resolución, senón que tenden a ser moi movidos, polo que a súa utilidade sería bastante limitada, sendo máis unha curiosidade que unha dispositivo de gravación axeitado.
Brando parece ter un modelo desta gravata no seu catálogo, con só 2 Gb de capacidade de almacenamento, pero a un prezo máis reducido, de só 66 dólares (55,69 euros), o que parece moito máis axeitado para un trebello deste tipo (máis propio dunha broma que dun axente segredo).

PUBLICIDADE