The Division sae á venda

martes, 8 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Rematou a espera, e o principal lanzamento de Ubisoft para a primeira metade do ano chegou ás tendas de videoxogos, Tom Clancy’s The Division, título para PS4, Xbox One e PC que pode mercarse por 69,99 euros na súa versión para consolas e 59,99 euros na súa versión para PC, e que está agora a experimentar un complicado lanzamento propio de case todos os xogos masivos en liña, aínda que espérase que pouco a pouco vaian pulíndose os detalles máis molestos para consolidarse como o grande xogo que deu a entender que sería a través das súas betas públicas.
The Division colócanos en Manhattan tras a desolación provocada por unha pandemia que xurdiu durante un Black Friday, o que levou á caída dos servizos básicos e provocou que a sociedade fose levada ao caos, o que leva a que unha unidade independente de axentes tácticos adestrados para operar en solitario, chamada The Division, teña que protexer o que queda da cidade e devolverlle a esperanza.
Aínda que pode parecer que estamos ante un xogo de acción pura e dura, estamos ante un xogo de mundo aberto en liña con elementos de rol (o axente que empregamos pode personalizarse e evolucionar), podendo gozarse tanto das misións que conforma a súa historia como visitar a Zona Escura, onde será posible participar en enfrontamentos entre xogadores.
Durante as primeiras horas foron varias as caídas dos servidores de Ubisoft, que conseguiron recuperarse con certa velocidade, e agora terán que comezar a buscar solucións a problemas como os usuarios que empéñanse en situarse en certas portas para impedir o paso a outros xogadores, evitando así que progresen. Estamos ante unha broma de mal gusto que non todos os xogadores reciben ben, e que posiblemente sexa evitada con algunha medida que chegue a través de futuras actualizacións.
Queda agora por ver se os servidores conseguen manter a súa estabilidade durante os vindeiros días, o que non resultará doado, e que será o grande reto a superar por The Division para converterse no xogo de moda durante os vindeiros meses.

Tráiler de lanzamento de The Division

PUBLICIDADE