The Last of Us chegará a PC o 28 de marzo

luns, 6 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

Dende Naughty Dog están a ultimar a versión para PC de The Last of Us, xogo que naceu hai case unha década en PlayStation 3, e que agora dá o salto a ordenadores persoas nunha versión remasterizada como a que podemos xogar en PlayStation 5, pero con melloras específicas da plataforma, e que presumiblemente será todo un éxito ao facilitar que os espectadores da serie de televisión homónima poidan gozar da súa historia de xeito interactivo aínda que non teñan unha consola PlayStation.
The Last of Us Part I para PC tiña fixado o seu lanzamento no 3 de marzo, pero dende Naughty Dog consideraron que o xogo non vai estar debidamente pulido en só un mes, polo que decidiron darse un tempo adicional, para que o xogo teña unha estrea en ordenadores persoais satisfactoria, polo que haberá que agardar ao 28 de marzo para poder facerse co título na tenda de Epic Games ou en Steam a un prezo de 59,99 euros.
Como acontece coa versión para PS5, a primeira entrega de The Last of Us para PC inclúe, aparte do xogo orixinal, a súa expansión: o capítulo previo titulado Left Behind, no que se afonda na historia de Ellie.

PUBLICIDADE