The Last of Us terá versión remasterizada para PlayStation 4

mércores, 9 de abril do 2014 Marcus Fernández

Coa chegada da nova xeración de consolas, e mentres non chegan suficientes xogos de peso desenvolvidos en exclusiva coa vista nas novas máquinas, parece unha boa opción achegar versións melloradas da anterior xeración, principalmente para permitir que aos xogadores que non teñen as anteriores consolas poidan gozar desas xoias, e ao igual que Tomb Raider contou cunha versión remasterizada, Sony confirma agora que a PlayStation 4 recuperará un dos mellores xogos de PS3, The Last of Us.
En The Last of Us Remastered teremos unha versión a 1.080p do xogo, que tamén gozará de modelos máis detallados dos personaxes, sobras e iluminación melloradas, texturas actualizadas e moitas outras melloras que o converterán nun xogo digno da nova xeración, á vez que permitirá que moitos poidan gozar deste título que na súa versión para PS3 valeulle a Naughty Dog máis de 200 recoñecementos como Xogo do Ano de distintas publicacións.
Esta revisión de The Last of Us que verá a luz no verán tamén incluirá unha versión comentada polo director de todas as secuencias cinemáticas do xogo; recollerá todo o contido adicional que foi publicándose tras o lanzamento do xogo orixinal (como a expansión Left Behind e outros contidos descargables que enriquecían o título); e incluso recompensará aos usuarios que reserven o xogo con skins para os protagonistas e distintos potenciadores para a campaña para un xogador.

PUBLICIDADE