The Mandalorian inspira un mando para Xbox One

luns, 26 de outubro do 2020 Marcus Fernández

O vindeiro venres Disney+ estrea a segunda tempada de The Mandalorian¸ serie que é o seu principal éxito e que, pese a carecer de adaptación aos videoxogos sorprende por ter inspirado un mando para Xbox One coa súa respectiva base de carga, que sairán á venda o 31 de decembro a un prezo de 189,99 euros.
Este mando sen fíos para Xbox One e o seu soporte de carga veñen decorados cun patrón que busca lembrar o aceiro beskar da armadura do protagonista da serie televisiva, a base de carga presenta un estudo co casco mandaloriano, o mando inclúe o emblema de Din Djarin e na súa parte traseira ten impreso unha especie de anuncio de busca e captura da criatura alcumada como Baby Yoda.
Este novo mando ten un deseño ergonómico, permiten a personalización dos seus botóns, ten até o dobre de alcance sen fíos e o seu sistema de contacto magnético permite xogar cunha soa man mentres se carga.
Un produto que non busca innovar tecnicamente senón simplemente captar a atención de coleccionistas e amantes da serie de Disney+ que xa teñan unha Xbox One. Cómpre advertir de que, o mando será compatible coas futuras Xbox (aínda que non conte co novo botón de compartir nin goce do novo deseño de cruceta dixital).

Na parte traseira do mando podemos ver a Baby Yoda

PUBLICIDADE