The Order: 1886 poderíase completar en só 5 horas e media

luns, 16 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Sony confía firmemente en que The Order: 1886 sexa un dos xogos que contribúa claramente a fornecer o catálogo de xogos exclusivos para PlayStation 4, presentando un título de acción en terceira persoa con coberturas ambientado nun Londres steampunk que a nivel gráfico podería ser dos primeiros en amosar as posibilidades da actual xeración de consolas, pero non son poucos os que desconfían desta produción de Ready at Dawn, por considerar que dará pouco xogo, ofrecendo unha experiencia cinematográfica excesivamente guiada e curta.
Nun principio asegurábase que a historia de The Order: 1886 dese para unhas 12-14 horas de xogo, o que faría unha campaña bastante xeitosa, pero durante a fin de semana xurdiu unha gravación en YouTube dun usuario chamado PlayMeThrough na que podiamos ver como se completaba o xogo, incluíndo os seus vídeos, en 5 horas e media, demostrando que os rumores de que o xogo era curto tiñan fundamento.

No xogo empregarase armamento steampunk para derrotar a fortes inimigos

Aínda que resulta evidente que o xogador medio non conseguirá completar o xogo en poucas horas nun primeiro achegamento, non parece haber dúbidas en que estaremos ante un título que no pode considerase longo baixo ningún estándar, o que resulta bastante normal en xogos como Call of Duty (centrados no xogo en liña) pero resulta bastante rechamante nun título orientado a amosar un Londres vitoriano alternativo no que se desenvolvese unha complexa historia.
Haberá que agardar a que o público decida se a duración é a axeitada a partires do vindeiro venres, cando chegará ás tendas físicas este esperado título que tamén está dispoñible como descarga dixital a un prezo de 59,99 euros.


Vídeo no que podemos ver unha partida completa de The Order: 1886 de só cinco horas e media

PUBLICIDADE