The Witcher III estreará versión para consolas de nova xeración o 14 de decembro

luns, 14 de novembro do 2022 Marcus Fernández

A franquía de The Witcher ten cada día máis forza, en boa medida pola vida que cobrou en Netflix, e como aínda falta moito para que poidamos ver as súas novas entregas en forma de videoxogo, CD Projekt Red leva tempo traballando nunha adaptación de The Witcher III: Wild Hunt para consolas de nova xeración (e ordenadores modernos), e finalmente temos unha data concreta para o seu lanzamento: o 14 de decembro de 2022.
Esta revisión de The Witcher III contará con ducias de melloras visuais, técnicas e de rendemento, incluíndo compatibilidade con ray tracing, tempos de carga máis rápidos en consola e outras modificacións para ofrecer unha mellor experiencia de xogo. Tamén inclúen contidos descargables inspirados na serie de Netflix, como novas armas e armaduras de Geralt de Rivia e aparencias alternativas para algúns personaxes.
Os que xa mercasen o xogo recibirán esta nova versión sen carga adicional, pero é unha excelente ocasión para atraer a novos xogadores, que terán o xogo coas súas expansións nunha versión digna de PlayStation 5, Xbox Series X|S e PC, que incluso está previsto que chegue a Nintendo Switch máis adiante.

PUBLICIDADE