Thief e Yakuza 4 destacan entre os xogos de PlayStation Plus en febreiro

venres, 30 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Tras recuperar a súa boa sona nos meses de decembro e xaneiro, a oferta de xogos que recibirán os subscritores de PlayStation Plus no mes de febreiro parecen soltar o acelerador, pero manter aínda un bo nivel xa que, aínda que os usuarios de PS4 teñan que conformarse con recibir xogos independentes como Apotheon e Transistor (este último con grande sona), no caso da PlayStation 3 os xogos incluídos teñen bastante peso, xa que serían o relativamente recente Thief e Yakuza 4. No caso da PS Vita tamén temos unha situación semellante á da PS4, con títulos pouco relevantes, como a aventura de plataformas Rogue Legacy (que destaca por ser un produto Cross-Buy que tamén pode gozarse na PS4 e na PS3) e a nova aventura Kick & Fennick.
Estamos ante unha oferta de xogos bastante inferior á do mes de xaneiro, pero aínda non tan deficiente como a que se fixera habitual a mediados de 2014, polo que aínda hai esperanza en que Sony continúe a fornecer o catálogo de xogos de PlayStation Plus durante os vindeiros meses e non se limite a ofrecer grandes xogos cando se achegan os períodos de renovación de subscricións. A nova oferta de xogos descargables para subscritores de PlayStation Plus chegará o 4 de febreiro.

Thief chegará a PS3 sen custo adicional para os subscritores de PlayStation Plus
Rogue Legacy pode xogarse indistintamente en PS4, PS3 e PS Vita


Vídeo promocional dos xogos incluídos en PlayStation Plus en febreiro

PUBLICIDADE