TikTok supera os 2.000 millóns de descargas

xoves, 30 de abril do 2020 Marcus Fernández

Nas últimas semanas non paramos de falar do éxito dos servizos que permiten videoconferencias en grupo, pero hai servizos máis tradicionais que tamén experimentaron un importante crecemento, e dende SensorTower aseguran que TikTok superou a barreira dos 2.000 millóns de descargas globais entre a App Store e a tenda de Google Play, facéndose coa honra de ter o mellor trimestre que ningunha aplicación móbil tivo na historia.
Estiman que durante o primeiro trimestre do ano TikTok tivo 315 millóns de descargas, volume moi superior aos 199,4 millóns do trimestre anterior, o que podería xustificarse coa irrupción da pandemia, o que podería levar a que o segundo trimestre do ano tamén fose moi importante para a aplicación de ByteDance que pode presumir de ser a primeira grande aplicación móbil a escala global en chegar dende China.
Pero non só as descargas de TikTok medraron, senón que o gasto dos usuarios na aplicación tamén é moi importante, chegando aos 456,7 millóns de dólares en toda a vida da aplicacións, cantidade dúas veces e media da que sumaba hai 5 meses, cando chegaron aos 1.500 millóns de descargas. Curiosamente máis do 95% destes ingresos proveñen da App Store, plataforma co 24,5% das descargas.

PUBLICIDADE