TinyScreen, unha pequena pantalla que ve a luz a través de Kickstarter

luns, 6 de outubro do 2014 Marcus Fernández

As plataformas de hardware aberto como Arduino supuxeron un grande pulo á innovación, permitindo que case calquera poida realizar pequenos desenvolvementos, tanto para solucionar problemas domésticos como para construír prototipos de futuros produtos comerciais, e os amantes deste tipo de solucións estarán entusiasmados pola última iniciativa da xente de TinyCircuits (promotores da TinyDuino), que está a trunfar en Kickstarter con TinyScreen, unha pantalla OLED de 0,96 polgadas cunha resolución de 96 x 64 píxeles que pode servir para facer pequenos monitores de sistemas informáticos, pequenos videoxogos e incluso smartwatches.

TinyScreen pode empregarse incluso para construír un smartwatch

De feito, a TinyScreen véndese en varios lotes, que parte dun modelo básico por 55 dólares (47,84 euros cos gastos de envío incluídos), un lote para a funcionar como reprodutor de vídeo por 65 dólares (55,81 euros), o kit para facer unha reducidísima videoconsola portátil por 75 dólares (63,78 euros), os elementos para facer un smartwatch (sen incluír a súa correa) por 90 dólares (75,74 euros) e outros lotes máis completos con distintos módulos con sensores que multiplican as posibilidades desta tecnoloxía que xa conta con numeroso software para poder empregala dende a recepción do produto final, que entregarase aos mecenas a primeiros de 2015.

Con TinyScreen podemos construír unha consola de videoxogos portátil dun tamaño moi reducido, demostrando así o potencial deste pequeno dispositivo

PUBLICIDADE