Titanfall 2 chegará en outubro a Xbox One, PC e PS4

luns, 13 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Un dos grandes reclamos de Microsoft para achegar usuarios ás súas consolas era o xogo Titanfall, exclusivo para Xbox 360, Xbox One e PC, deixando aos compradores dunha PlayStation 4 sen a oportunidade de gozar dun dos xogos en liña de máis éxito, prometendo os seus desenvolvedores que tal exclusividade remataría coas secuelas, de aí que haxa tanto entusiasmo co anuncio durante o E3 do lanzamento de Titanfall 2 o vindeiro 28 de outubro, cando contará con versións para Xbox One, PC (Origin) e, como non, PlayStation 4, de xeito que este xogos de acción en primeira persoa estará dispoñible para unha base de xogadores moi ampla, levando ao xogo de Respawn Entertainment un paso máis adiante.
O primeiro Titanfall foi toda unha revelación, reinventando o xénero dos FPS cun revolucionario uso dos mechas (coñecidos como Titáns) e elementos propios do parkour, creando unha acción frenética e moi espectacular, pero que desta volta evoluciona en base do feedback recibido, de xeito que Ttianfall contará cun modo para un xogador, que poderá xogarse fóra de liña, e que permitirá introducirse no xogo e nas súas mecánicas, explorando a ligazón única entre home e máquina; aínda que a meirande parte dos xogadores estarán máis interesados no seu modo multi-xogador, o punto forte do xogo, que ofrecerá unha experiencia máis robusta, con 6 novos tipos de Titáns, habilidades de piloto máis profundas, máis opcións de personalizacións e un sistema de progresión máis sólido. Un xogo definitivamente mellor que en breve contará cunha versión de proba para que os máis impacientes poidan botarlle un ollo antes do lanzamento á vez que axudan a completar o seu desenvolvemento e a configuración dos seus servidores de xogo.

Tráiler do novo modo campaña de Titanfall 2

Tráiler do modo multi-xogador de Titanfall 2

PUBLICIDADE