Titanfall non chegará a Xbox 360 ata o 10 de abril

mércores, 19 de marzo do 2014 Marcus Fernández

A chegada do xogo Titanfall ao mercado a semana pasada está a ter unha grande repercusión no sector dos videoxogos, revitalizando as vendas da Xbox One (estímase que en Reino Unido melloraron un 90% grazas a este atractivo xogo que non estaría dispoñible nas consolas de Sony), pero aínda que antes de rematar o mes debería estar tamén dispoñible para Xbox 360, dende Electronic Arts adiantan que a versión que está a desenvolver Bluepoint Games aínda precisa algún retoque de última hora, polo que non chegará ao mercado europeo ata o vindeiro 10 de abril, ofrecendo o mesmo sistema de xogos 6 contra 6, mapas, modos, armas e queima cartas como nas versión de Xbox One e PC.
O feito de que Titanfall para Xbox 360 non estea a ser desenvolvido por Respawn Entertainment, así como os retrasos da súa chegada ás tendas, parece querer lanzar a mensaxe de que estaremos ante unha versión menor, instando así aos xogadores a optar polas versións de nova xeración, que na última semana deron moito xogo, como demostran os numerosos momentos que recollen no TitanWall, onde aparecen numerosos vídeos creados pola comunidade.

PUBLICIDADE