Tobii REX, o accesorio que permite seguir a nosa mirada

mércores, 2 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Nos últimos anos a tecnoloxía que permite o seguimento da mirada desenvolveuse substancialmente, tanto para o seu uso de cara ao análise da atención do usuario como para ser unha alternativa ás interfaces de control tradicionais, e finalmente o fabricante Tobii confirma que vai presentar a vindeira semana no CES de Las Vegas o seu accesorio REX, compatible con ordenadores con Windows 8 e que pode conectarse por USB a ordenadores portátiles ou de sobremesa para que unha aplicación chamada Tobii Gaze poida analizar cara onde mira o usuario para executar accións, que poden ir dende moverse pola pantalla ata xogar.
Aínda non se coñece o prezo que terá o produto final, pero actualmente o Tobii REX xa pode mercarse xa por 995 dólares por parte de desenvolvedores, aínda que termemos que agardar varios meses para que se poñan á venda 5.000 unidades deste produto, estando aberto un período de pre reserva para recibir unha invitación que permitirá mercar o dispositivo 48 horas antes da súa estrea oficial.
Esta nova tecnoloxía pretende funcionar en combinación co rato e o teclado (sen substituílos totalmente) e non só está pensada como unha asistencia para persoas con discapacidades, senón que a súa aplicación podería mellorar o xeito no que nos relacionaremos coas máquinas no futuro.

O Tobii REX incluso pode integrarse en portátiles
O Tobii REX pode conectarse a practicamente calquera equipo con Windows 8 empregando USB

PUBLICIDADE