Touch Book: o ultraportátil que pode funcionar sen teclado

martes, 3 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Estamos afeitos a ver ultraportátiles baseados en procesadores Intel Atom e cun tipo de deseño bastante estandarizado, pero Always Innovating preferiu saír pola tanxente e presentar o seu Touch Book, coma un ultraportátil con capacidades de Tablet PC, procesador ARM Texas Instrument OMAP3, e coa rechamante posibilidade de permitir separar o teclado da pantalla, quedando coma un accesorio.
O Touch Book vén cunha distribución de Linux con dous modos de funcionamento: un clásico e outro cunha interface 3D (para cando usemos o equipo en modo Tablet PC, ou sexa, sen o teclado).
Tamén ten unha impresionante autonomía, integrando 2 baterías (unha na pantallas e outra no teclado) que de combinarse poderían subministrar alimentación durante ata 15 horas. Tamén prescinde de ventiladores (o que o fai silencioso) e non precisa de apagado e acendido nos seus usos senón que funcionaría coma un móbil (manténdose á espera cando non o utilicemos).
Detallando, o equipo ten unha pantalla de 8,9 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, 8 Gb de almacenamento nunha tarxeta microSD, Wi-Fi (802.11n), Bluetooth, 6 portos USB 2.0, altofalantes, tomas de micrófono e auriculares, acelerómetro, unhas medidas de 23,9 x 17,8 x 3,6 centímetros (con teclado) e un peso de menos de 1 quilogramo. Inclúe aplicacións como a versión móbil de Firefox, poderá reproducir vídeos de YouTube (incluso a 720p), aínda que posiblemente tamén poderá optarse por instalarlle sistemas operativos coma Windows CE, Google Android ou Ubuntu, e sairá á venda a finais da primavera a un prezo de a partir de 299 dólares (100 dólares máis de incluír o teclado opcional).
Cómpre destacar que, a tenor das súas características, o Touch Book é máis unha PDA con forma de portátil que un portátil completo, pero servirá para os usos máis básicos gozando dunha alta portabilidade.

PUBLICIDADE