Toxo Telecom e PhotoILike, distinguidas por AJE Coruña nos seus Premios Emprende Coruña
martes, 7 de decembro do 2021Comezou decembro e seguimos falando de
recoñecementos a iniciativas empresariais destacadas da nosa terra,
dándose a circunstancia de tratarse de novas distincións a
iniciativas tecnolóxico-dixitais. Na noite deste 4 de decembro, na
Finca Montesqueiro de Oleiros, a
asociación AJE Coruña entregou os galardóns da doce edición do
seu Premio Emprende Coruña. Foron dúas grandes distincións que
se repartiron do seguinte xeito: o Premio Iniciativa Empresarial 2021
recaeu en Toxo Telecom, operadora de telecomunicacións con
sede en Ribeira, e o Premio Iniciativa Emprendedora 2021 foi dar a
PhotoILike, empresa posta en marcha por investigadores do
Centro de Investigación TIC (CITIC) da Coruña.
Ademais, entregáronse tres accésit: a Dagga, á
Innovación; Voltaxe, á Creación Empresarial; e o de
Responsabilidade Social a Ruteart.
Toxo Telecom
O premio á operadora de telecomunicacións de
Ribeira outorgado pola delegación da Coruña da Asociación de
Empresarios Novos (AJE) foi recollido por dous dos fundadores de Toxo
Telecom, Manuel Caamaño e Javier Fontaíña, que agradeceron o
apoio dos seus clientes ao longo destes anos de traxectoria
empresarial e tamén tiveron palabras de agradecemento para o xurado,
“que se fixou en nós para outorgarnos un premio que sen dúbida
nos deixa moi contentos, e máis tendo en conta o importante
potencial dos restantes participantes”.
Ademais do galardón, Toxo Telecom recibiu a
posibilidade de cursar un máster na Escola de Finanzas da Coruña,
cuxo valor ascende a uns 9.500 euros.
Toxo Telecom, para que non o saiba, é unha
operadora galega posta en marcha en 2018 por emprendedores de
Ribeira, centrada en ofrecer servizos avanzados de telefonía móbil
e, tamén, dende 2019, fibra óptica FTTH para os fogares e as
empresas, con todos os servizos que isto implica: por exemplo Intenet
de alta velocidade (que vai dende os 100 Mbps a máis de 600) e
servizos de TV con múltiples canles e funcionalidades.
PhotoILike
Polo que se refire a PhotoILike,
é unha empresa nacida no seo da empresa de base tecnolóxica
Artificial Intelligence Indestia, participada pola UDC. Trátase dun
sistema de Intelixencia Artificial destinado ao mercado inmobiliario
co obxectivo de seleccionar as imaxes con maior impacto comercial. Os
investigadores do CITIC que forman parte deste proxecto son Juan
Jesús Romero, Adrián Carballal, Francisco Cedrón e Nereida
Rodríguez.
PhotoILike é capaz de determinar cal é a imaxe
máis atractiva dentro dun conxunto, a partir de máis dun millón de
enquisas realizadas a particulares nas que se avalían diferentes
imaxes inmobiliarias mostradas nos anuncios dos portais web. Así,
mediante a combinación de técnicas de aprendizaxe de Intelixencia
Artificial, a ferramenta permite elixir mellor as imaxes a incluír
no anuncio, xa que proporciona o impacto medio de cada unha tendo en
conta a súa calidade, valor estético e efecto comercial.
PhotoILike xa é utilizado por milleiros
inmobiliarias para aumentar as visitas nos anuncios, conseguindo
incrementar ata un 300 % as visitas en anuncios nos portais
Idealista, Fotocasa e Milanuncios.