Triunfo da animación galega nos Premios Goya

luns, 20 de febreiro do 2012 Raquel Noya

Manuel Cristobal, de Perro Verde Films, agradecendo o premio á mellor película de animación durante a gala dos Premios Goya

Coa resaca dos Goya aínda no corpo, ou coa do domingo de Entroido... xa non sei ben cal corresponde a cal (a liña que separa unha e outra festa é moi estreita), o certo é que hoxe non podiamos deixar de comentar o bo sabor de boca que nos deixaron onte os premios recibidos por Engurras á Mellor Película de Animación e Mellor Guión Adaptado; e por Birdboy, á Mellor Curtametraxe de Animación, ámbalas dúas pezas made in no noso país.
Se cadra o primeiro “estaba cantado” e era doado adiviñar que o Premio ao mellor film de animación recaería na peza galega pola súa maxistral interpretación dunha doenza tan difícil de entender e lamentablemente tan estendida, como é o Alzheimer.


Momento da entrega do premio Goya á mellor película de animación
Porén o segundo premio (o do Guión Adaptado) non era tan agardado, e foi emocionante comprobar como viña para a Terriña un galardón que se rifaban, nin máis nin menos, que o mesmísimo Pedro Almodóvar, Benito Zambrano e Icíar Bollaín


Intre da entrega do Goya ao mellor guión adaptado
As palabras de Gregorio Belinchón para El País chegan ben para darnos conta do que levou á Academia a premiar por partida dobre á animación galega: “Arrugas, un cómic excepcional, una película sobresaliente”; non hai máis.
E que dicir de Birdboy? A primeira incursión do debuxante coruñés, Alberto Vázquez, no mundo do cine... e veña Goya!
O seu pequeno paxaro Birdboy trasladouse dun dos seus máis recoñecidos cómics (Psiconautas) ás pantallas do cine en formato curtametraxe, e o éxito non se fixo agardar: logo de colarse en tan só catro meses en máis de 30 festivais internacionais, a curta coroa a súa traxectoria co Goya á Mellor Curtametraxe de Animación, sobran as palabras.
A peza, de 12 minutos de duración, pódese ver completa na súa web oficial, pois afortunadamente, Vázquez non opina da Rede o mesmo que o presidente da Academia de Cine Española, Enrique González Macho, que entre outras lindezas apuntou que “Internet aínda non forma parte da actividade económica do cine.
Este desafortunado comentario , que xa comezou a facer estragos entre a comunidade internauta, deu paso a outros como “Internet, desgraciadamente, aínda non é alternativa nin substituto, nin tan sequera un complemento ao enorme esforzo económico que supón producir cine”, ou “practicamente toda a nosa economía procede das salas, a televisión, o DVD e outras formas de comercialización”.
Se cadra evitaría algún que outro desgusto se admitira nobremente que Internet é un mercado que aínda non se soubo explotar de xeito viable, e que supón unha excelente plataforma de emisión se comparamos a relación calidade-prezo respecto das grandes salas.
Claro que, se non se seguen as medidas de protección axeitadas, pode suceder que un grupo de hackers enfadados co sistema como é Anonymous, ataque a nosa web, e iso mesmo foi o que lle sucedeu á web da Academia do Cine onte, que durante a celebración da gala foi hackeada e aínda segue inactiva.
Anonymous colgou un vídeo (que está aloxado en YouTube) no que anuncian que “está en marcha a revolución cultural” e que “xa comezou a verdadeira transición”.
A peza, que comeza cunha voz en off na que xustifica o ataque á web da Academia polo intento de “superar calquera censura”, critica a “cegueira da sociedade” e denuncia “a ameaza de destruír a verdadeira cultura, esa que construímos entre todos”, aseguran.
Anonymous tamén sinala aos “intermediarios chuchasangues”, que “pelexan para que a billa das subvencións siga aberto”, e aos “criminais que non están detrás das pantallas dos ordenadores, senón sentados en moitas desas butacas”, apuntaban en referencia á gala dos Premios Goya, “ou nos ministerios, bancos e corporacións”.
O vídeo tamén reparte críticas contra a ex ministra de Cultura, Ángeles González Sinde, o actual titular de Cultura, José Ignacio Wert e contra Teddy Bautista, cualificándoo de “sacerdote inquisidor”.
Porén Anonymous non só se colou nos Goya de xeito virtual, tamén o fixo in situ durante a celebración da Gala, logo de que a Policía intentara por tódolos medios evitar as posibles protestas do grupo hacktivista na alfombra vermella.
No acto, un espontáneo, ataviado coa careta de Guy Fawkes, saltou ao escenario a poucos minutos de concluír a gala, antes de dar o penúltimo premio da noite.
Durante uns segundos, o espontáneo logrou acaparar as miradas do público e das cámaras, porén non logrou chegar ao escenario onde Álex de la Iglesia, Isabel Coixet e Juan Antonio Bayona agardaban para anunciar os nomeados á Mellor Dirección, que finalmente recaeu en Enrique Urbizu, por No habrá paz para los malvados, a gran triunfadora da noite.

PUBLICIDADE