Trunfa en Indiegogo unha lámpada que serve para cargar o iPhone e o Apple Watch

martes, 7 de abril do 2015 Marcus Fernández

Cando comezaron os rumores de que o Apple Watch tería unha autonomía que non superaría as 24 horas, forzando a que tivese que cargarse todas as noites, non foron poucos os usuarios que comezaron a pensar na complicación que sería ter que cargar o smartphone e o smartwatch todas as noites, polo que MiTagg podería ter atinado de pleno ao iniciar neste momento unha campaña de micromecenado en Indiegogo para facer realidade unha curiosa lámpada de mesa que serviría tamén para cargar ambos dispositivos de Apple. Temos así que nun par de días case triplicasen os 30.000 dólares que precisaban para facer o proxecto viable, de xeito que no verán os mecenas terán entre as súas mans os accesorios que poderán facilitarlles a súa relación cos dispositivo conectados que levan enriba durante o día.

Quen merque a lámpada os primeiros días recibirá de balde unha base de carga para o Apple Watch

A NuDock Power Station Lamp é a lámpada de carga que nace desta campaña, e neste momento pode adquirirse por 129 dólares (142,45 euros con gastos de envío) incluíndo sen custo adicional por tempo limitado unha base de carga para o reloxo de pulso de Apple e unha batería portátil (que custan por separado 19 e 34 dólares respectivamente). Este curioso trebello de aluminio anodizado é basicamente unha lámpada LED cunha base de goma que non só integra unha base para un iPhone e outra para un Apple Watch, senón que tamén agocha na súa base un porto USB de 2,4 amperes, o que permitiría a carga rápida doutro dispositivo, de xeito que o atractivo deste dispositivo resulta evidente. A lámpada tamén incorpora unha zona táctil que serve para regular a intensidade da súa luz.

PUBLICIDADE