Trunfa en Kickstarter o proxecto dun tricóptero capaz de cargar cunha cámara GoPro

mércores, 22 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos anos non son poucos os enxeños voadores que podemos atopar no mercado, dende os corredores dos centros comerciais ata as tendas de electrónica de consumo, pero a meirande parte destes drones de uso non profesional adoecen dunha carencia importante: non teñen xeito de gravar/retransmitir vídeo de boa calidade por non ter a potencia suficiente como para cargar cunha cámara. Para solucionar iso chegou a Kickstarter The Pocket Drone, un robot voador de AirDroids que pretende ver a luz no mes de xuño nos EE.UU. e que, a 45 do remate da súa campaña de micromecenado xa recadou 10 veces a cantidade precisa para que o seu proxecto poida completarse con éxito.
O drone é un microcóptero de 3 hélices capaz de cargar cunha cámara GoPro, que pode encartarse para facilitar o seu transporte, inclúe todo o preciso para voar e parte dun prezo inferior aos 500 dólares, polo que resulta moi atractivo para todos os afeccionados ao vídeo que queiran realizar producións orixinais.
Para controlar este dispositivo voador poderemos empregar calquera teléfono ou tablet con Android que conte cun porto USB (no futuro tamén será compatible con iOS) e o drone está equipado con software avanzado que permite a programación de voos con Google Maps, a marca de destinos por GPS, modo de seguimento (de xeito que perseguiría a un móbil localizado por GPS) e incluso ten un mecanismo de retorno automático. Pode voar ata 20 minutos cargando cunha cámara (non incluída) e a súa versión completa terá un prezo de 595 dólares (439 euros) descoñecéndose se chegará a comercializarse fóra de EE.UU. tras demostrarse a súa elevada demanda comercial a través da campaña de captación de financiamento actual.


Vídeo de presentación do novo drone compacto de AirDroids

PUBLICIDADE