Trunfa en Kickstarter un teclado mecánico conectado á nube

venres, 1 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Os teclados mecánicos gozan aínda de moita sona entre os gamers e outros usuarios esixentes, que buscan hardware de calidade con bos tempos de resposta e unha grande resistencia, pero o novo Das Keyboard 5Q non se conforma con optar pola calidade e fiabilidade dos seus compoñentes, senón que tamén emprega como reclamo o feito que é o primeiro teclado conectado á nube, para o que conta cunha API aberta que facilita a programación das súas teclas retroiluminadas a toda cor, o que permite que información da Internet teña reaccións nas cores que adoptan as teclas que indiquemos (ou sexa, que sería un teclado que recibiría notificacións), o que parece resultar unha prestación moi atractiva, se temos en conta que en poucas horas superase a barreira dos 100.000 dólares que se tiña marcado en Kickstarter para facer realidade este produto no mes de decembro.
Actualmente este teclado ten un prezo de 139 dólares (152 euros cos gastos de envío incluídos), o que pode parecer un tanto elevado (aínda que é habitual que este tipo de produtos superen os 100 euros) pero desta volta cómpre destacar que para os usuarios españois podería resultar un produto pouco recomendable de adquirir durante a súa campaña de micromecenado, e sería máis recomendable agardar á súa comercialización ordinaria (de producirse) xa que actualmente carece de versión en español, o que pode complicar o seu uso en certos escenarios.
O Das Keyboard 5Q presume de contar cunha retroiluminación RGB extrabrillante (bastante superior que outros teclados con retroiluminación multicor), de integrar interruptores mecánicos Gamma-Zulu de Omron (que durarían o dobre que os interruptores mecánicos estándar), de contar con tecnoloxía analóxica RTO que detectaría a pulsación das teclas e transmitiríallas ao ordenador até 45 veces máis rápido que outros teclados, e de contar cun botón Q, unha rosca situada na esquina superior dereita do teclado que activa o seu software (dispoñible para Windows, macOS e Linux) e que tamén pode empregarse a xeito de control de volume.

PUBLICIDADE