Trunfa en Kickstarter un teclado que coida a súa ergonomía e deseño

luns, 15 de xuño do 2015 Marcus Fernández

A ergonomía dos teclados informáticos é unha da súa grande materia pendente, e aínda que existan numerosos teclados alternativos que coidan moito mellor a postura das nosas mans, a distribución e colocación tradicional continúa a imporse, especialmente en equipos portátiles; e para os inconformistas que queiran optar por un teclado de calidade, cómodo e con certo toque de exclusividade chega a Kickstarter con grande éxito The Model 01.
Estamos ante un teclado mecánico retroiluminado, cunha carcasa de madeira dividida en dous elementos para facilitar a separación das mans, e cunha colocación curva das teclas para axustarse mellor á forma das nosas mans. Deste xeito temos un teclado informático que, en vez de transmitir a sensación de que estamos a empregar un periférico dun ordenador, dá a impresión de que temos entre as mans un instrumento musical que tras afacerse ao seu uso fará complicado o retorno aos incómodos e impersoais teclados planos (aínda que cómpre advertir que só sería un produto apto para xente que teclee con moita frecuencia, xa que para un usuario ocasional resultaría demasiado complicado adaptarse a un produto tan diferente ao que está afeito).
The Model 01 pode colocarse en varias disposicións segundo o uso que se vaia facer do teclado (plano, inclinado, trípode e separado) e cómpre destacar que non só fuxe da disposición plana do teclado, senón que as súas propias teclas tamén están esculpidas de xeito que non son todas iguais, senón que a súa forma responde á súa posición.
Este revolucionario teclado ten unhas dimensións de 360 x 230 x 25 milímetros, un peso de 1,3 quilogramos, 64 teclas pintadas de negro con letras gravadas con láser, teclas mecánicas cunha vida estimada de 50 millóns de pulsacións, retroiluminación LED RGB, conectividade USB e compatibilidade con Windows, OS X, Linux, Android e iOS (aínda que no caso de teléfonos e tabletas a retroiluminación veríase limitada).
O prezo deste produto sería de 299 dólares (266 euros) e entregarase aos seus mecenas en abril de 2016. Pese á orixinalidade desta proposta, en poucas horas conseguiu superar os 120.000 dólares que buscaban para facer realidade o proxecto.

PUBLICIDADE