Tu sentido común; decálogo de boas prácticas para navegar con seguridade

luns, 28 de novembro do 2011 Raquel Noya

Con motivo da celebración da Semana da Seguridade en España, o INTECO vén de elaborar un interesante decálogo de consellos a seguir para ser un internauta seguro e navegar con cabeciña pola web 2.0.
O documento achégase cun deseño pouco habitual para este tipo de informacións (con formato cómic), e atópase na web habilitada polo INTECO con motivo da celebración da Semana da Seguridade, na pestana Decálogo.
Os consellos que recolle o documento son os que seguen:
1. Fraude en liña: o INTECO recoméndalle á comunidade internauta detectar e combater o fraude en liña, a técnica que intenta suplantar a identidade do seu banco, rede social ou tenda online... para iso insta a facelo usando as ferramentas axeitadas dispoñibles na web da OSI.
2. Redes sociais: antes de publicar nada en Internet, os técnicos de seguridade recomendan que protexamos a nosa privacidade e pensemos antes de publicar.
3. Programas de seguridade: do mesmo xeito, recomendan efusivamente protexer correctamente os nosos dispositivos, con programas de seguridade que axuden a prever os virus e usuarios maliciosos.
4. Descargas: no tocante a este tema, o INTECO, recomenda descargar só ficheiros de fontes fiables e programas dende as páxinas oficiais; así como analizar cun antivirus todo canto vaiamos descargando antes de executalo.
5. Dispositivo móbil: tamén os nosos teléfonos conteñen gran cantidade de datos persoais que debemos protexer con contrasinais seguras. Neste senso recomendan activar o PIN cando non o esteamos a usar.
6. Actualizar: o decálogo tamén indica que é “de vital importancia” que actualicemos de xeito regular tanto o sistema operativo como o resto de aplicacións do noso ordenador, “para reparar posibles fallos de seguridade e engadir novas melloras”, aseguran.
7. Compras seguras: á hora de mercar en Internet, o documento recomenda comprobar que as primeiras letras da dirección da páxina son https, de maneira que a información viaxe cifrada e así evitar que un atacante poida capturar os datos.
8. Informacións falsas: o decálogo tamén insta a tódolos usuarios da web que contrasten sempre a información antes de crela, e que sospeiten das páxinas con mensaxes moi chamativas ou alarmantes, xa que, en moitas ocasións, “tentan captar a súa atención para redirixilos a páxinas maliciosas”, indican.
9. Copias de seguridade: o INTECO lembra, asemade, a utilidade das copias de seguridade (backup en inglés); neste senso indican que “non custan moito e poden aforrarnos desgustos e malos ratos”.
10. Contrasinal: o último consello a seguir para navegar de xeito seguro deste decálogo refírese ás contrasinais, que son, segundo informan, “a única barreira entre os nosos datos confidenciais e os ciberdelincuentes”. Os responsables de seguridade insisten en que “merece a pena investir un pouco de tempo para xestionalas eficazmente”.
Con estas indicacións, o INTECO pretende que a nosa navegación sexa o máis segura posible, e da mesma maneira, que os nosos datos persoais non estean ó alcance de calquera delincuente na Rede.

PUBLICIDADE