Tumblr prohibirá os contidos para adultos

martes, 4 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Un fallo nos mecanismos de filtrado de imaxes de pornografía infantil de Tumblr levou a que Apple retirase a súa aplicación móbil da App Store, e finalmente o célebre servizo de microblogging opta por unha solución radical, e muda a súa política de xeito que «a partires do 17 de decembro non aceptaremos contidos para adultos en Tumblr, con independencia da túa idade».
Aínda que normalmente ao falarmos de contido para adultos entendemos a pornografía explícita, nesta ocasión parecen querer curarse en saúde, e aseguran que considerarían que son así tanto fotografías como vídeos que amosen xenitais humanos e incluso mamilas femininas.
Como excepcións recoñecen que non vetarán os peitos femininos cando teñan que ver con nais aleitando aos seus pequenos, en momentos relativos á natalidade ou á saúde, á vez que continuarían a aceptar os espidos en contextos informativos e artísticos, aínda que este último criterio sería sumamente obxectivo e, de feito, xa hai varios usuarios que están a denunciar como as súas fotografías artísticas están a verse etiquetadas como contido adulto, o que forza que teñan que iniciar procedementos de apelación cada vez que suben contidos, o que claramente fará que Tumblr non sexa o espazo tolerante que tiñan até o momento, de xeito que xa hai quen entende que Tumblr xa non é un bo lugar no que compartir os seus contidos e dá o salto a outras plataformas para estar en contacto cos seus seareiros. Até o momento os usuarios de Tumblr podían etiquetar as súas publicacións como explícitas para que só estivesen visibles para usuarios adultos rexistrados, pero este tipo de presenza en Tumblr deixará de ser posible nun par de semanas.

PUBLICIDADE