Turquía pecha Twitter e a rede social vólvese máis turca ca nunca

venres, 21 de marzo do 2014 Redacción

A autoridade en Tecnoloxías da Información e Comunicación (BTK) de Turquía decidiu bloquear na medianoite deste xoves o servizo Twitter no país. A medida, en boa medida agardada (de feito é o resultado dunha serie de sentencias xudiciais que foron preparando o camiño, e mesmo de ameazas do primeiro ministro Erdogan), afectou de cheo a case a décima parte da comunidade internauta turca (36 millóns de usuarios), que son os que empregan Twitter decote e representan, para a dita rede social, o 3% do seu mercado. Porén, como era de agardar, a comunidade de internautas do país xa tiña preparada unha serie de medidas para evitar o peche do servizo.
A mesma rede Twitter, a través da súa conta @policy, ofreceu aos usuarios turcos números de teléfono aos que enviar mensaxes de texto e garantir a achega de información de seu no dito servizo 2.0: as súas impresións e puntos de vista de costume. Como soe acontecer neste tipo de casos de censura, o efecto xerado foi finalmente o contrario do que se requiría. Así, durante a madrugada do venres, xusto despois do bloqueo, a etiqueta #TwitterisblockedinTurkey converteuse en trending topic mundial. Sobre as 3.00 horas do venres, a rede social chegou a acubillar 2.474.917 tuits en lingua turca.
Volvendo á decisión do Goberno do país de bloquear a ferramenta, dicir que se debeu a considerala, repetidamente, unha ameaza para a privacidade da cidadanía, dos cargos públicos e dos arquivos confidenciais do propio Estado. O detonante foi a negativa dos responsábeis de Twitter de eliminar datos e vínculos publicados no seu seo.

PUBLICIDADE