Twitter.com deixa a algúns usuarios programar os seus chíos

xoves, 21 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Normalmente para poder programar a publicación dun chío en Twitter había que empregar ferramentas de terceiros, ou incluso o TweetDeck da propia Twitter, pero veñen de iniciar un novo experimento para permitir que os usuarios da súa páxina web non teñan que recorrer a tal ferramenta simplemente para adiar a publicación dun chío, e poidan así indicar a data e hora de publicación directamente.
Este tipo de funcionalidades son especialmente necesarias para contas profesionais, cun calendario de publicacións, que así poden programar os seus chíos para o momento preciso ou, simplemente, para distanciar as publicacións ao longo do día. Dado que Twitter.com xa conta coa opción de poder alternar entre 5 contas de usuario, podemos entender que pouco a pouco integran funcións máis propias de TweetDeck para facer que tal solución sexa necesaria para cada vez menos usuarios (aínda que as funcionalidades de traballo en equipo e a organización da información en columnas seguen a facer que esta ferramenta resulte de grande utilidade).

PUBLICIDADE