Twitter di adeus aos Momentos

mércores, 7 de decembro do 2022 Marcus Fernández

En 2016 Twitter creou unha ferramenta para facilitar o acceso a contidos seleccionados ao redor dos acontecementos máis relevantes e os temas máis interesantes do día, os Momentos, que chegaron a España en 2017, e que basicamente tratábase dunha escolma de chíos optimizada para dispositivos móbiles, que resultaba especialmente práctica para o seguimento de eventos en vivo, aínda que os usuarios foron atopándose distintos usos.
Este formato estaba a ser utilizado pola propia Twitter para publicar escolmas de chíos de medios de comunicación, o que combinado cos Momentos que creasen os propios usuarios consideraban que sería unha ferramenta popular, equiparable ao que hoxe son os fíos (só que podendo integrar chíos de distintos usuarios), pero na práctica a cousa non foi así, e Twitter xa deixou o formato de lado hai anos, polo que non debería sorprender a ninguén que hoxe anunciasen a súa retirada.
Twitter manterá os Momentos que se crearan nos últimos anos, pero deixará de ser posible a creación de Momentos para a meirande parte dos usuarios, de xeito que os desenvolvedores da plataforma destinarán os seus esforzos a áreas máis produtivas, pois non compensa esforzarse en mellorar unha ferramenta sen un uso efectivo por parte dos usuarios (nin na creación de Momentos nin no seu consumo).
Cómpre salientar que aínda que os Momentos estean en proceso de desaparición, a ferramenta que aínda se mantén é a de Coleccións dentro de TweetDeck, que resulta moi semellante ao permitir recoller escolmas de chíos que logo poden compartirse en Twitter e incluso incrustarse en páxinas web.

PUBLICIDADE