Twitter merca un servizo de creación de boletíns por correo electrónico

martes, 26 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

Actualmente hai numerosos escritores, expertos e xornalistas que publican boletíns periódicos pola súa conta, dos que boa parte son de pagamento, e para facilitar este tipo de publicacións hai servizos como Revue, que busca facer doada a publicación de boletíns de pagamento, o que chamou a atención de Twitter até o punto de adquirir a compañía como un xeito de converter Twitter nun lugar mellor para os creadores de contidos escritos.
Revue é unha plataforma moi ben integrada con Twitter, e dende Twitter queren servir como canle para impulsar as subscricións de pagamento e a creación de contido interesante que xere conversa en Twitter. A primeira consecuencia da compra de Revue por parte de Twitter é que as características premium de Revue pasan a ser de balde para todos os usuarios, e o servizo limitarase a quedar unha comisión do 5% dos ingresos polas subscricións de pagamento.
Twitter comprométese a potenciar Revue e incluso contratar a máis persoal para mellorar o produto, buscando agradar aos editores de boletíns por correo electrónico e instando así a unha maior conversa en Twitter.
Sobre Revue podemos comentar que esta ferramenta de creación de boletíns non só permite redactar textos e engadir fotografías, senón que tamén pode integrar servizos como Twitter, Facebook, Pocket, Instagram, Medium, Instapaper, fluxos RSS... de xeito que contidos que xa teñamos elaborado ou escolmado podemos incorporalos a un boletín cun simple arrastrar e soltar, facendo moi áxil e cómoda a creación de boletíns, permitindo tamén a edición por parte de equipos e o uso de Stripe para cobrar subscricións a boletíns mediante tarxeta bancaria. Toda unha serie de ferramentas que convencerán a moitos especialmente tras saber que Twitter mercou o servizo, polo que a súa lonxevidade debería estar garantida.

PUBLICIDADE