Twitter proba un sistema para etiquetar a desinformación

venres, 21 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

A loita contra a desinformación en redes sociais é moi complexa, e unha das fórmulas que está a probar actualmente Twitter consiste nun código de cores para etiquetar falsidades publicadas por políticos e outras figuras públicas. Nas probas que está a desenvolver Twitter ante os chíos de dubidosa credibilidade poderán reaccionar verificadores de información e xornalistas verificados pola plataforma, sen desbotar a participación de usuarios en xeral dun xeito semellante a como se edita a información na Wikipedia.
Na demostración desta funcionalidade en probas á que accederon dende NBC News podemos ver que baixo os chíos que poderían levar a engano aparece un recadro de fondo laranxa que indica que podemos estar ante un caso de desinformación, tras o que recolle unha serie de chíos indicando o que sería incorrecto, para que os cidadáns poidan sacar as súas propias conclusións.
Este sistema tería un sistema de karma para os usuarios que contribúen a manter Twitter libre da desinformación, buscando así dificultar a manipulación por parte de trolls e ideólogos políticos.
Polo momento Twitter non decidiu como será o sistema que implantará, pois teñen que avaliar se deben limitar a verificación a axentes de confianza ou abrilo ao conxunto de usuarios, non existindo nin sequera unha previsión de prazos para o lanzamento desta funcionalidade que resultaría especialmente práctica durante campañas electorais.

PUBLICIDADE