TwoDots chega a Windows 10

martes, 29 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Tras o grande éxito do xogo Dots: A Game About Connecting, chegou unha secuela, TwoDots, que tras unha primicia temporal para iOS, estreou versión para Android e, finalmente, chega tamén á Tenda de Windows 10 de xeito que se amplía a base potencial de usuarios que poden gozar deste título que agora podemos descargar de balde dende teléfonos, tabletas e ordenadores co sistema operativo de Microsoft.
O xogo ten unha mecánica moi sinxela que consiste en conectar vertical e horizontalmente puntos da mesma cor, superando distintos retos nunha viaxe por un bo número de niveis que co seu peculiar deseño minimalista permite gozar de horas de diversión.
TwoDots tamén insta aos usuarios a compartir as súas puntuacións a través de redes sociais para desafiar aos seus amigos. Ao estarmos ante un xogo de balde, o seu financiamento chega a través de compras dentro da aplicación, aínda que non é preciso realizar ningún pagamento para poder xogar deste título..

Pese á súa simple mecánica o xogo pode achegar horas de diversión

PUBLICIDADE