UFD mellora con Big Data e satélite a vixilancia das forestas nos corredores eléctricos

xoves, 18 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

UFD, operadora de distribución eléctrica de Naturgy con presenza maioritaria en Galicia, e a empresa madrileña COTESA (Centro de Observación e Teledetección Espacial), veñen de desenvolver un modelo informático para a xestión da masa forestal ao longo dos corredores eléctricos de alta e media tensión. O modelo, innovador e pioneiro, tira proveito de dúas tecnoloxías en alza: o uso satélites (para obter imaxes do terreo) e a tecnoloxía de análise de información a gran escala, o chamado Big Data. Entre outras cousas, achega a UFD meirandes marxes de avaliación e vixilancia destas contornas, con vistas a facer máis eficiente o mantemento e, tamén, evitar posíbeis situacións de perigo (por exemplo lumes forestais).
COTESA, empresa tecnolóxica do Grupo Tecopy, personalizou “un software exclusivo” que é quen de substituír a tradicional vixilancia presencial grazas ao uso de imaxes tomadas por satélite de moi alta resolución e unha plataforma Big Data que permite axustarse ás necesidades de cada proxecto. O novo programa informático, en termos máis concretos, permite facer seguimento semiautomático “do proceso invasivo da masa forestal”, avaliar os riscos en función da súa proximidade á rede de distribución e “xerar alertas 3D e 2D”, informa UFD, poñendo o foco nas vantaxes que se derivan de contar coas ditas imaxes: ter información precisa sobre a orografía das áreas de interese, sobre a distancia entre as liñas eléctricas e sobre a altura máxima da foresta ou matogueira, ademais de mostrar a evolución das masas forestais en cada época do ano.
“A análise con esta tecnoloxía satélite de alta resolución tamén permite identificar árbores doentes ou demasiado altas, así como plantacións ilegais próximas ás liñas eléctricas”, engaden fontes de UFD, apuntando que o proxecto piloto desenvolveuse con éxito en Galicia sobre unha lonxitude de 7.243 quilómetros da rede eléctrica de UFD na nosa Comunidade.

PUBLICIDADE