Uber Eats desembarca na Coruña e máis en Ferrol

xoves, 21 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Uber, a compañía de transporte privado que opera baixo a plataforma de aplicación do mesmo nome, está a ampliar a súa presenza nas nosas cidades a través de Uber Beats, a ferramenta móbil de comida a domicilio, que comezou esta semana a súa actividade na Coruña e en Ferrol logo do seu desembarco en Pontevedra e Vigo e previamente en Lugo e máis en Ourense. En total, media ducia de cidades galegas.
Segundo informa a compañía, a chegada de Uber Eats nas seis localidades permitirá aos residentes “gozar en casa, na oficina ou en calquera recanto das ditas cidades da súa comida favorita, e só descargando a app a través de ubereats.com”.
Uber Eats conta última nesta fase de lanzamento con máis de 30 restaurantes dispoñíbeis en A Coruña, entre os que se contan establecementos tan coñecidos como La Famiglia, Fujiyama e Toluca, amais de grandes cadeas como KFC e Ginos. Semellantes termos pódense aplicar ao caso de Ferrol, onde está dispoñíbel unha manchea de establecementos de referencia, aos que suman cadeas como McDonald’s.
“Hai uns meses lanzamos o noso servizo de comida a domicilio en Vigo, con sesenta establecementos adheridos, e hoxe continuamos o noso espallamento en Galicia co lanzamento da Coruña e Ferrol, cuxos habitantes poden gozar xa dunha nova opción práctica e sinxela para pedir comida a domicilio”, sinalan os responsábeis de Uber Eats, engadindo que a través da aplicación, que dispón de múltiples opcións de personalización, “poderán saber en todo momento onde se atopa o seu pedido, que estimamos recibirá nuns 30 minutos de media”.
O servizo está dispoñíbel de luns a venres, de 12h da mañá a 17h da tarde, e de 19h a 23:45h da noite. De sábado a domingo, de 12h da mañá a 23.45h da noite. En Uber Eats, non hai pedido mínimo e, o custo de envío será de 2,5 euros en todas as solicitudes a calquera hora do día.

PUBLICIDADE