Ultimate Band confírmase coma un xogo musical casual

martes, 24 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Disney Interactive vai entrar no sector dos xogos musicais apuntando a un público casual e xuvenil, en vez da orientación máis adulta que fan títulos coma Guitar Hero ou Rock Band.
Ultimate Band será así un título para Nintendo Wii que funcionará mediante o mando da Wii e o Nunchuk, de xeito que non precisará da adquisición de periféricos coma guitarras, o que agradecerán moitas economías familiares.
Tamén destaca por apostar por versións das cancións, o que dá unha maior flexibilidade ao xogo, que non se ten que cinguir a versións orixinais, de xeito que incluso o vocalista pode ser home ou muller de xeito indistinto.
O xogador poderá manexar a batería, a guitarra eléctrica, o baixo e mesmo ao cantante, aínda que neste último caso o control corresponderá ao xeito de bailar do mesmo.
Este novo título, que chegará a tempo para o Nadal e non está orientado a seguidores de anteriores títulos musicais (para os que resultará extremadamente doado) senón para xogadores ocasionais, o que supón un cambio estratéxico neste tipo de xogos que podería facerse tamén cun importante nicho de usuarios.

PUBLICIDADE