Un Tablet PC ultraportátil para cativos

xoves, 30 de abril do 2009 Marcus Fernández

Os portátiles pensados para cativos cada vez son máis sofisticados, e seguindo a liña do Classmate PC de Intel chega agora o PeeWee Pivot Tablet Laptop, que sería un equipo con pantalla táctil de 10 polgadas, procesador Atom N270, 1 Gb de RAM, disco duro de 60 Gb, cámara web de 1,3 Mpíxeles, Ethernet, Wi-Fi, sistema operativo Windows XP Home e unha batería de 6 celas que o dota dunha boa autonomía.
Este equipo pesa aproximadamente 1 quilogramo, e non só a súa pantalla é táctil, senón que tamén é rotatoria para poder converter o portátil nun Tablet PC, e todo isto conservando a resistencia propia dun produto para rapaces de entre 3 e 10 anos.
Vén cargado con software orientado aos máis cativos, coma o programa de debuxo ArtRage 2, o recoñecedor de escritura (para o seu modo Tablet PC) MyScript Stylus, o lector de libros electrónicos FBReader, o visor de PDF Foxit Reader, o ArcSoft Webcam Companion e o Evernote.
Estariamos ante un produto que realmente sería ideal para o seu uso na aula, senón fose porque o seu prezo parte de 599,99 dólares, o que é algo elevado para un portátil orientado a nenos.

O equipo pode empregarse coma un Tablet PC

PUBLICIDADE