Un accesorio converte os smartphones con Android en cámaras de 360 graos

luns, 28 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos meses non foron poucas as solucións que xurdiron para permitir disparar fotografías e gravar vídeo en 360 graos, aínda que a meirande parte destes produtos precisaban de aplicacións ou servizos para poder adaptar os contidos captados para poder compartilos nas plataformas sociais máis populares, atranco que parece ter superado un novo produto que busca financiamento en Indiegogo: a cámara Insta360 Air.
Estamos ante unha cámara que pode conectarse a xeito de pinza no noso smartphone, converténdoo nunha cámara de 360 graos dende a que podemos tomar instantáneas, gravar vídeo e incluso emitir en directo a través da Rede. Ten forma esférica (mide 39,5 milímetros de alto, ten un diámetro de 38 milímetros e pesa 26,5 gramos) e inclúe un par de cámaras ollo de pez de 210 graos que a cámara combina en tempo real nunha única imaxe envolvente de 3K (3.008 x 1.504 píxeles) podendo gravar vídeo a tal resolución nuns poucos smartphones potentes (como o Samsung Galaxy S7 ou o Huawei P9) mentres que no resto de teléfonos limitaría o vídeo a unha resolución de 2.560 x 1.280 píxeles (que segue a ser bastante máis resolución que a meirande parte das cámaras de 360 graos económicas, que normalmente limítanse a captar vídeo en Full HD). E calquera caso os vídeos capturaríanse a 30 imaxes por segundo.
Os contidos captados con este orixinal accesorio serían compatibles para compartir de xeito inmediato en Facebook, YouTube, Twitter, WhatsApp, Messenger e WeChat, e aseguran que o seu vídeo en directo funcionaría con calquera plataforma de vídeo en 360 que permite tal, incluíndo YouTube.
As cámaras Insta360 Air venderanse en 4 cores (negra, rosa, branca e dourada), integran estabilización de imaxe, facilitan a visualización de contidos en 4 modos (plano, esférico, little planet e estereoscópico para cascos de VR) a través da súa aplicación que tamén conta con ferramentas de edición e, como detalle máis curioso, poden conectarse a ordenadores persoais mediante un cable de extensión multi-funcional para facilitar a captura de vídeo ou a retransmisións en 360 graos por longos períodos de tempo.
Quen recorra a Indiegogo para facerse cunha Insta360 Air teraa dispoñible por a partires de 99 dólares (103,08 euros con gastos de envío incluído), o que sen dúbida é unha das solucións máis económica de gravar contido envolvente dende un smartphone con Android. Os usuarios de iPhone, pola súa banda, xa teñen dende hai tempo un produto do mesmo fabricante, a Insta360 nano, que podemos atopar en Amazon.es a 185,50 euros. Este último trebello integra unha batería de 800 mAh, polo que o seu uso non tería un impacto moi elevado na autonomía do smartphones, mentres que a versión para Android carece de tal elemento, o que facilita o seu uso en máis terminais, aínda que en detrimento da duración da batería do teléfono.

Vídeo de presentación da cámara Insta360 Air

PUBLICIDADE