Un accesorio mellora o deseño dos adaptadores de corrente dos MacBook

venres, 11 de marzo do 2016 Marcus Fernández

Os adaptadores de corrente dos portátiles de Apple teñen un formato que, de conectalo a un enchufe de parede, pode resultar un chisco molesto por ocupar demasiado espazo, xa que a súa forma de ladrillo disponse perpendicularmente á parede, e agora unha compañía ofrece unha alternativa que consiste nun adaptador que permite a colocación do ladrillo en paralelo, de xeito que se reduce o espazo ocupado de xeito considerable (deixándoo en menos da terceira parte).
O novo adaptador, coñecido como Blockhead, aproveita o feito de que os adaptadores de corrente de Apple teñen unha parte extraíble para facilitar o uso da mesma electrónica a nivel mundial, de xeito que só hai que cambiar dun país a outro o elemento que inclúe o conector de enchufe, que é precisamente o que substitúe o novo accesorio que chegará ao mercado en abril e que nos EE.UU. venderán a 19,95 dólares por un adaptador solto ou 34,95 dólares de adquirir dúas unidades.
O Blockhead non só funciona con todos os adaptadores de corrente de portátiles MacBook, senón que tamén podería empregarse nos adaptadores de 10 e 12 watts para iPad. Unha boa idea da que estaría ben que a propia Apple tomase nota.

O aforro de espazo que permite o adaptador Blockhead resulta moi claro, reducindo á terceira parte a distancia á parede que ocupa o adaptador de corrente

PUBLICIDADE