Un accesorio permitirá usar cartuchos de Game Boy no móbil

venres, 4 de agosto do 2017 Marcus Fernández

O fabricante de mandos para videoxogos Hyperkin durante o Primeiro de Abril de 2015 anunciou que estaba a traballar nun accesorio para converter os smartphones en consolas portátiles Game Boy, pero finalmente viron que a idea non era tan mala, e veñen de abrir as reservas para o SmartBoy, un accesorio para smartphones con conector USB-C como o Samsung Galaxy S8 que sairá á venda o vindeiro 21 de agosto e que facilitará o uso de cartuchos de Game Boy e Game Boy Color nos teléfonos con Android con pantallas de entre 5,2 e 6 polgadas.
Este accesorio engade na parte frontal do teléfono a cruceta e os botóns de selección, inicio e disparo da Game Boy, mentres que na parte traseira conta con rañura para inserir os cartuchos orixinais das consolas portátiles de Nintendo.
Este produto ten un prezo de 49,99 dólares e pode parecer bastante ridículo, principalmente pola incomodidade que supoñen os cartuchos orixinais (xa que actualmente é moi doado gozar das ROM de xogos de Game Boy en calquera dispositivos con Android a través de emuladores), pero é probable que lle interese a algún coleccionista de cartuchos ou algún amante dos videoxogos retro.
Os usuarios que non teñan un móbil con USB-C poden optar por facerse cunha versión preliminar deste accesorio destinada a desenvolvedores, que ten un prezo 10 dólares superior, pero que está dispoñible dende hai tempo e funciona por micro USB. De feito, podemos ver o funcionamento do SmartBoy Development Kit no seguinte vídeo:

PUBLICIDADE