Un accesorio pretende converter o noso smartphone nun ordenador portátil

martes, 12 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Nos vindeiros días chegará a Kickstarter a un prezo de 99 dólares un produto moi rechamante, o Superbook, que ten a aparencia externa dun ordenador portátil, pero que realmente funciona como unha interface de entrada/saída para o noso smartphone con Android, facilitando así que podamos gozar dos contidos e aplicacións do noso teléfono como se fose un ordenador portátil, evitando así que teñamos que estar a sincronizar os nosos contidos entre varios dispositivos e propóndose como unha curiosa alternativa do Continuum de Microsoft.
Para poder tirar proveito do Superbook temos que instalar no noso teléfono a aplicación Andromium OS, actualmente en probas, e que precisa para funcionar, aparte do Superbook, dun smartphone con Android 5.0 ou superior, recomendándose que como mínimo conte cun procesador Qualcomm Snapdragon 800 e 2 GB de RAM.
O Superbook contará cunha pantalla de alta definición (concretamente cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles) de 11,6 polgadas, cunha batería que achegará unha autonomía de até 8 horas e que tamén cargará o smartphone durante o seu uso, que integra trackpad e teclado e que é compatible con millóns de aplicacións para Android, entre as que non podemos esquecer que están moitas das empregadas polos usuarios en escritorios tradicionais como o navegador web, o Microsoft Office, reprodutores multimedia... de xeito que podería ser unha solución moi práctica para moitos usuarios.


Vídeo no que amosan o funcionamento do Superbook

PUBLICIDADE