Un atril pasapáxinas e unha base para conexión eléctricas, gañadores dos Premios Junior

luns, 9 de xuño do 2008 Raquel Noya

A Consellaría de Innovación e Industria fixo entrega o pasado venres dos Premios Galicia de Innovación Junior, un galardón que convoca anualmente a Dirección Xeral de I+D+i e que este ano celebraba xa a súa VI edición.
Desta volta, do total de 168 traballos achegados dende institutos de toda Galicia, proclamáronse vencedores un atril cun sistema pasapáxinas e unha base múltiple para conexións eléctricas dos alumnos Javier Blanco Cordero, do IES Santa Irene de Vigo (na categoría de 12 a 15 anos) e Yhordy Domínguez Rivera, do IES Universidade Laboral de Ourense (na categoría de 16 a 18 anos) respectivamente.
A idea do pasapáxinas xurdiulle a Javier Blanco da súa propia experiencia tocando a trompeta, xa que nos atrís convencionais o músico debe trocar a folla coa man ou contar con outra persoa que faga a tarefa. No caso de Yhordy Domínguez, este desenvolveu unha base múltiple para conexións eléctricas que presenta unha mellora respecto das bases tradicionais, permitindo que os fíos dos distintos enchufes conectados ás tomas da base queden máis próximos entre si, co que se facilita o agrupamento.
Ámbolos dous gañadores recibiron cadanseu ordenador portátil e unha cámara de vídeo dixital; asemade, a Dirección Xeral de I+D+i, a través do Servizo Galego de Propiedade Industrial (SEGAPI), comprometeuse a asesorar aos autores no caso de que queiran solicitar a patente dos seus inventos.
Outros traballos que destacaron nesta VI edición dos Premios Galicia de Innovación Junior foron: uns xardíns futuristas para o aproveitamento de enerxías renovables, un chupete antichoro que leva incorporados dous innovadores sistemas para a atención do bebé, un dispositivo para depositar os paraugas mollados ao entrar no automóbil sen mollar a tapicería, unha bolsa para lixo orgánico de papel reciclado resistente, un pulsador luminoso para as paradas de autobuses, unha ferramenta que aumenta o eido de visión en situación de néboa para condutores, un aparello electrónico que permite que as persoas con problemas de audición poidan facer aerobic, un localizador sen fíos para os mandos a distancia, un parasol ecolóxico e un andador polivalente que facilita o transcurso polas rúas dos usuarios.

PUBLICIDADE