Un curso en Compostela introducirá ao deseño de videoxogos

luns, 8 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Os Círculos de Aprendizaxe en Galicia, grupo de persoas que se xuntan para adquirir ou complementar coñecementos a partires de contidos e cursos dispoñibles en liña (MOOC), inician mañá en Santiago de Compostela un curso introdutorio ao deseño de videoxogos, que impartirase durante 4 semanas os martes e mércores de 19:30 a 21:00 horas, servindo para amosar os aspectos que hai que considerar no videoxogos e que permita abordar individualmente os temas que se consideran nucleares: deseño, arte, motor do videoxogo e xogabilidade.
Este será o primeiro dunha serie de 6 cursos de especialización en videoxogos con credencial universitaria, resultando de utilidade para axudar a identificar, nomear e explicar a importancia dos diferentes aspectos do deseño de videoxogos, para poder avaliar as partes que nos interesan de cara a seguir o curso específico sobre tal temática.
O curso precisa de inscrición previa e aínda que os Círculos de Aprendizaxe son de acceso libre e de balde, aceptan contribucións, valorándose esta actividade en 25 euros ou 10 euros e 15 landras. A facilitadora desta actividade é Cora Coco, consultora en enxeñaría cultural e artística.

ACTUALIZACIÓN: O curso vén de actualizar a súa data de inicio, de xeito que desenvolverase entre os días 23 de xaneiro e 14 de febreiro.

PUBLICIDADE