Un dispositivo Bluetooth facilita a gravación das nosas chamadas

mércores, 1 de abril do 2015 Marcus Fernández

En poucas horas remata a campaña de captación de financiamento do Bluewire, un novo sistema de mans libres por Bluetooth pensado para as chamadas de voz ordinarias e sobre IP dende o smartphone, que facilita a gravación das conversas de xeito automático, podendo incluso gardalas logo en servizos de almacenamento en liña.
Este produto de Senss Technologies presume de ser o gravador de chamadas Bluetooth máis cativo do mundo, que destaca por gravar os sons tanto do auricular como do micrófono deste mans libres, de xeito que pode rexistrar conversas enteiras na súa memoria integrada (de 16/32 GB), podendo xestionar as gravacións a través e aplicacións para iOS e Android que permiten así volver a escoitalas, así como mandar as gravacións cun único toque.
Unha curiosidade do Bluewire é que tamén é compatible con outros mans libres Bluetooth que empreguemos, o que permitiría, por exemplo, gravar conversas que fagamos co sistema de mans libres do automóbil. Inclúe NFC para facilitar o emparellamento do Bluewire con outros dispositivos e tamén sistema de carga sen fíos Qi (facendo moi cómoda a recarga da súa batería interna).
O produto remitirase aos mecenas a partires de xullo e pode adquirirse por 169 dólares (157,28 euros) con 16 GB de almacenamento interno e 245 dólares (228 euros) para o modelo con 32 GB de capacidade.

O Bluewire contrólase a través de aplicacións para iOS e Android

PUBLICIDADE