Un eReader de 13,3 polgadas pode funcionar tamén como monitor externo

luns, 11 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Os lectores de libros electrónicos parecen terse estancado en formatos cativos, propios do libro de peto, pero algúns fabricantes consideran interesante a oferta de tamaños máis próximos aos dos folios, para poder trasladar fluxos de traballo do papel ao dixital, pero trátanse de produtos de elevado prezo que son aínda bastante anecdóticos, e dentro destes temos unha interesante proposta, o Onyx Boox Max 2 Professional, que cun tamaño de 13,3 polgadas busca facer máis doada de xustificar a súa adquisición por contar cun modo de funcionamento como monitor.
Estamos ante un lector de libros electrónicos con pantalla de 13,3 polgadas cunha resolución de 2.200 x 1.650 píxeles e 16 niveis de gris, que funciona como pantalla capacitiva para o seu control cos dedos, pero que tamén opera cun lapis dixitalizador Wacom, polo que pode empregarse tamén a xeito de caderno para tomar notas.
Este produto ten un procesador de catro núcleos a 1,6 GHz, 2 GB de RAM e 32 GB de almacenamento interno, funciona con Android 6.0 (con acceso a Google Play) e é compatible con numerosos formatos de ficheiro (PDF, ePUB, TXT, HTML, RTF, FB2, MOBI, CHM, DOC...), conta con conectividade Wi-Fi e Bluetooth 4.1, o seu grosor é de 7,5 milímetros, pesa 550 gramos e a súa batería de 4.100 mAh permítelle aguantar en espera até 4 semanas, conseguindo así comportarse dun xeito semellante a unha tableta, pese a que a súa pantalla sexa de papel electrónico. O feito de poder conectalo a un ordenador persoal mediante micro HDMI pode resultar moi práctico para usuarios que queiran ler longos documentos no seu equipo e prefiran para iso as tecnoloxías de papel electrónico, que facilitan unha lectura máis relaxada para a vista.
O principal atranco para mercar este interesante produto é claramente o seu prezo, xa que o Onyx Boox Max 2 Professional pode reservarse actualmente a un prezo de 798,89 euros, esperándose que a súa entrega sexa a partires do 27 de decembro.

PUBLICIDADE