Un eReader integrará Google eBooks

luns, 11 de xullo do 2011 Marcus Fernández

O vindeiro domingo vai chegar ás tendas norteamericanas da cadea Target o lector de libros electrónicos iriver Story HD a un prezo de 139,99 dólares (99,67 euros), ou sexa, a un prezo moi semellante ao do Kindle de Amazon, pero destacando o novo trebello por ser o primeiro eReader en integrar a plataforma aberta Google eBooks, de xeito que permite a compra e lectura de textos en tal servizo a través de Wi-Fi.
O iriver Story HD é delgado, lixeiro, ten unha pantalla de 6 polgadas de tinta electrónica de alta resolución (768 x 1.024 píxeles) e un teclado QWERTY, ou sexa, que parece un calco absoluto do Kindle, de xeito que se diferenciaría deste dispositivo nos servizos asociados.
Actualmente Google eBooks conta con centos de milleiros de libros á venda e máis de 3 millóns de libros de balde, permitindo o seu almacenamento na nube, o que facilita levar as lecturas entre os eReaders e outros dispositivos (como smartphones, tablets ou ordenadores portátiles).
A integración de Google eBooks nun eReader podería indicar unha potenciación do sector dos e-books por parte de Google, dun xeito semellante a como fixo co lanzamento de Android nos móbiles, aínda que haberá que agardar uns meses para ver se realmente é posible que compitan con Amazon e Barnes&Noble neste competitivo mercado.

PUBLICIDADE