Un escáner de iris busca incrementar a seguridade dos nosos equipos informáticos

mércores, 22 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Mentres Apple está a apostar polas pegadas dixitais como medida de control biométrico para o seu iPhone 5S, outras compañías consideran outras alternativas para facilitar a identificación de usuarios como o escáner de iris de eyeLock, Myris, que emprega un vídeo do noso iris para verificar a nosa identidade, co que aseguran conseguir unha taxa de fallo de só 1 entre 2 billóns. Esta solución biométrica pode conectarse ao ordenador por USB e tras xerar un identificador único do noso iris mediante uns sinxelos pasos permite que usemos os nosos ollos para acceder ao ordenador ou incluso para identificarnos nas nosas páxinas web favoritas.
Myris captura máis de 240 puntos de cada iris, xerando unha sinatura dixital de 2.048 bits que precisa do noso ollo para verificar a nosa identidade, non podendo enganarse a este sistema de recoñecemento con fotografías, gravacións e outro tipo de astucias.
O principal argumento para optar por este tipo de tecnoloxía segundo os seus responsables e a súa elevada seguridade, pois consideran que a súa relación de falsos positivos para un iris sería de 1 entre 1,5 millóns, o que se elevaría ata 1 entre 2,25 billóns de empregarse ambos iris, o que estaría moi lonxe da precisión que podería darnos o ADN, pero tamén moi por enriba da tecnoloxía Touch IP de Apple (que podería aceptar incorrectamente 1 de cada 50.000 pegadas).
Este impresionante produto chegará ao mercado este mesmo ano a un prezo que estará entre os 200 e os 300 dólares (entre 148 e 222 euros).

O sensor Myris sairá á venda este mesmo ano a un prezo inferior a 300 dólares


O escáner de iris de eyeLock puido verse na pasda edición do CES de Las Vegas

PUBLICIDADE